MEMORIAS. Recordos e persoaxes

 

                                                           Don Jesús González Rodríguez (ABELEDO)

 

 

                                          A MANEIRA DE PRÓLOGO

 

   Cando pensei escribir esto non sabía ben cómo lle iba pór de nome. Para memorias, non tiña trazas, para contos non eran tales, posto que contos son os que lles fan ós nenos, producto da fantasía. Tamén pensei chamarlle “confieso que he vivido” pero pareceume unha petulancia plasmar aquí o título dunha obra de Pablo Neruda. Dándolle  voltas á cachola cheguei ó fin a nomeala Recordos e persoaxes, posto que nil tratei de recoller, con maior ou máis pequeño acerto, as vicisitudes dalgúns dos persoeiros que se citarán neste libro.

            Os nomes caseque todos son reales; os tempos quizais non o sexan tanto, pero desexo que os lectores teñan conmigo a mesma tolerancia que tiveron con Shakespeare e os seus anacronismos.

            Por outra banda quero deixar aquí constancia da miña petición humilde de perdón ás persoas ou familiares que se consideren ofendidas, xa que o meu único desexo foi relatar uns acontecementos e unhas persoas reais, sin  ánimo pola miña parte de ningún sentido peiorativo para as mesmas. É posible que neste relato faga saltos no tempo en que trascurriron, en todo caso teño a certeza de que serán benévolos conmigo.

   Nunca usei os nomes de pila xa que ós lectores lles será máis doado identificalos polos nomes polos que foron coñecidos na bisbarra; e ós foráneos tampouco lles diría nada o nome propio. En todo caso, sempre foron coñecidos polos nomes da casa en que viviron. Diste xeito verán a luz Lavanco, Zambra, Carballeira, Abeledo, Larido, Ramón de  Zoás, Dámaso, Cura Serrapio, Cura don Desiderio, o árabe de Rodeiro, e tantos e tantos outros que irán saíndo.

            De todolos xeitos quero solicitar o perdón daqueles que se consideren ofendidos na crencia de que todo canto aquí se diga non encerra outro desexo que deixar constancia dun persoaxe de tempos que foron unha realidade.

   Non vou abusar de cousas persoais, con elo quitaríalle o posto a persoeiros que farán máis divertida esta obra. Somente suliñar os casos máis relevantes, os que deixaron máis impacto na miña vida.


 

 

                                                   A MIÑA INFANCIA

 

  O recordo máis antigo que lembro da miña infancia remóntase a cando eu tería catro ou cinco anos. Chegara o meu padriño das Américas e trouxérame o carallo dun traxe de tea de cores; a parte de riba abrochábase na de baixo cuns botons. Eu non quería aquelo, que nin era traxe verdadeiro nin cousa que se lle parecera, e armei tal berrencha que me costou unha malleira.

   Máis adiante fun escollido polo meu mestre para recitar unha poesía na festa da árbore; naquela ocasión mercáronme a pana para un traxe que me fixo o Daniel de Zoás, con solapas na chaqueta. Aquel día medrei media cuarta.

              Co meu irmán Andrés, sexa pola proximidade do nacemento ou por outras razóns, tiña moi boas relacións.

   Nunha ocasión alguén avisou ó meu pai de que un dos dous latáramos a escola. Cando cheguei a casa estaba o pai na cima da escaleira con algo na man; non sei se sería a solta da besta ou algunha arma polo estilo: “Suba, don Jesús (cando nos trataba con esa cortesía xa sabíamos o que nos esperaba); dígame por qué no fue usted a la escuela” (meu pai tiña estado moitos anos en Cuba). Eu contestei como mellor puiden tratando de demostrar que estuvera na escola. Afirmación tan convincente que meu pai creume; neste momento entraba o Andrés e fíxolle a mesma pregunta; o meu irmán, que non sabía cómo saír do compromiso, ergueu a cabeza e sin dubidalo contestou: “Non se cabía”. Meu pai contouno, pasado o tempo, decindo que, para que non o viran rir meteuse na súa habitación.

   Xa levo dito que meu irmán Andrés e máis eu queríamonos moito. Noutra ocasión marchamos montados na mula para revolver na herba dun prado que miña nai herdara entre Zoás e Carude; cando ainda non saíramos de Taboada eu caín da mula e recibín unha forte crocada; en lugar de volver á casa para curar a ferida, boteille unha puñada de terra e seguín, pese ás protestas do meu irmán. O prado era longo, separado doutro de semellantes características por unha presa festoneada de salgueiros. Neste prado xa estaba a herba empalleirada e nunha das palleiras estaba un can grande que comezou a ladrarnos. Non lle fixemos caso, pero ó baixarme ó solo para acadar o forcado, o can soltou a presa e botouse a min; como o forcado era moi grande somente lle puiden arrear un estacazo, mais o can non me deixou e seguiu mordendo onde podía, mentras o Andrés, en riba dunha rocha, berraba coma se o sangraran. Ó fin o can soltoume e tornou á palleira.

              Volta o Andrés a berrar e decirme que me fora; a verdade era  que entre os mordiscos do can e a ferida que me fixera ó caer da mula, o meu cariz non debía ser moi bonito que digamos. Pero eu non marchei acudindo ás chamadas do Andrés que seguía na rocha berrando. Fíxeme cun pao máis manexable co forcado e mandeille uns torrons no salgueiro para enlizar o can. Non fixo falta máis: o can saltou a presa e veuse a min. Pero desta vez  non me colleu desprevenido; ó achegárseme zorregueille un estadullazo e caeu ó chan; despois deille ata que me cansei. Foi tanto que o can case non tiña forzas para tornar ó seu pallar. Extrañounos moito que o can, tan lonxe de súa casa se puxese á gardar as palleiras. Cando cheguei á casa, pese a miña advertencia ó Andrés, leváronme á farmacia; requeriron ó dono do can, que era o Fidalgo de Zoás, que dixo que o can non estaba malo, e así quedou.

 

   Noutra ocasión fomos o Andrés i eu, co pai, á ribeira para traer un pouco de viño que quedara, no carreto. Cargámolo carro e díxonos o pai que trouxéramos para a bodega unhas carqueixas xa rozadas que había na uceira, e que ó acabar saíramos polo atallo i esperáramos na Eirexe de Castelo. Fomos polas carqueixas e deunos por botar un grolo de viño. Despois outro, e outro... O noso pai, co carro, tiña que dar a volta por Ider e supoñía que nós xa estábamos en Eirexe. Chegou alí, estrañado que non estuvésemos xa esperando; cansouse de esperar e, crendo que nos pasara algo, ceibou a xugada do carro e botouse a andar cara á ribeira polo atallo que nós debíamos tomar. Canto máis se chegaba á bodega máis recelo tiña de que nos ocurrira algo malo. Chegou á bodega i encontrounos ós dous sentados no canteiro da cuba cunha  taza de viño no medio. Meu pai tiña un gran sentido do humor, pero naquela ocasión puxo a proba esta virtude.

 

   Sentía moitos desexos de facer unha viaxe a Ourense, impresionado polos relatos que nos facía o Amador de Ribó; lugares para min máis lonxanos que hoxe se me fai Vladivostok. Un día díxolle o Amador ó meu pai: deixe ir hoxe ó rapaz, fai bon tempo, non hai escola..., meu pai accedeu i eu prepareime para a viaxe. Eu tería doce anos. Daquela usábamos un carromato para transportar marcancía ós comerciantes de Taboada, que entón eran poucos (Casa de Ferraias, Toxeiro, Fortes e algún máis). Ó pasar o Alto de San Roque eu iba tras do carromato, andando para presumir de home. Meu pai iba no carromato e o Amador i eu íbamos a pé. Pasando o alto de San Roque vin caer unha perdiz á beira da carreteira, mirei se alguén andaba cerca, e como non vin a ninguen tirei a perdiz ó carro e calei a boca; mais un can que viña tras  da perdiz comezou a usmear de cara ó carro, ata que a pedradas logrei facelo marchar.

              Ó pasar Chantada, conteillo ó Amador, que me dixo: non llo contes ó teu pai ata que esteamos cerca de Ourense. Así foi, e cando llo dixemos enfadouse moito conmigo, pensando que os cazadores puideran percatarse e armar lío. Comémola en Ourense i estaba moi boa. Cando voltamos da viaxe contáballe ó meu irmán Andrés as vicisitudes do meu primeiro alonxamento do fogar paterno, que escoitaba entusiasmado, tamén, quizáis, con algo de envexa. Eu  faláballe da casa do Fanado, Piedrafita, Enviande, Chantada, Toldavia, O Pitón, etc.

  

   Nunha ocasión en que nos atopabamos na Medela gardando as vacas xurdiu unha pelexa entre o meu irmán i o Modesto do Roque. Con nós estaban tamén outros rapaces de máis idade que  facían de xuíces, e que me impedían a min intervir na pelexa. O Roque podía co meu irmán pero como eu non podía entrar na pelexa aguantaba. Ata que nun momento da riña o Roque cagouse na nai do Andrés e como a nai dos dous era a mesma, dixeron os xuíces: como o agravio é para o Xesús, tamén pode entrar no lío. Deille unha moquetada ó bo do Roque, que quedou sin sentido.

 

              Un canto ó viño

 

   No sagrado e no profano o viño foi sempre un bo compañeiro do home. Fai milleiros de anos o viño constitúe un elemento sustancial da vida social que rixe a humanidade. No sagrado: Noé plantou a primeira viña, desnudouse e meteuse na tenda –Xénesis-. Xesús pono como referente nalgunhas das súas parábolas. Nin o Islam o ten prohibido. Un sabio dixo: O viño acércanos á Deus tomado con moderación; polo contrario o borracho alónxase de si mesmo, da sociedade e de Deus.

             O viño, froito da viña e do abnegado traballo do home non debía ser considerado coma un simple ben de consumo; é diferente de todas as bebidas. É a bebida máis sana e máis hixiénica –Pasteur-. A serpe díxolle á Eva: non, non morreredes, pois Deus sabe que o día que comérades del, abriranse os vosos ollos e seredes coma él, distinguindo o ben do mal (a famosa mazá non era outra cousa que uva). É un placer que Deus puxo ó alcance do home para que se perfeccione nel, non para que se degrade, pois o home que abusa dese placer perde a dignidade. El célebre médico iraní Avicena dicía: “El vino es el amigo del sabio y el enemigo del borracho”. É  amargo e útil coma o consello do filósofo, está permitido á xente de espíritu e prohibido ós imbéciles. Empurra ó estúpido cara ás tebras e  guía ó sabio cara a Deus. O poeta mahometano Omar Kayyan di: beber viño e abrazar a beleza vale máis que a hipocresía do devoto. Trala morte quixera facer unha copa ou unha xarra co meu po: enchédela logo de viño e entón reviviré.

   Quizáis a xuventude de hoxe teña moi pouco que ver coa cidade ideal de Platón, que dicía: “Los ciudadanos producirán cereales y vino, vestido y calzado y edificarán sus casas. Se alegrarán, ellos y sus hijos, bebiendo vino, llevando guirnaldas y cantando alabanzas a los Dioses”. Os gregos nas súas bacanais paseaban un falo xigantesco como símbolo de virilidade e da orixe do viño. Os romanos co seu viño consagraron a Baco. Lograron facer envellecer os viños, ata o extremo que Plinio o Vello pretende haber tido ocasión de beber viño de douscentos anos.

              Pode afirmarse que o viño ten a misma historia que o home e non pode separarse da súa existencia.

 

 

Un canto á ribeira de Sampaio

 

A ribeira de Sampaio rexuveneceume mantendo ergueitas as ilusións

pola vida, mantendo a miña lonxevidade no esquecemento. Quero lembrar de novo aqueles chourizos con cachelos, apoyado de costas contra a parede que, polo norte, protexía  das ventiscas, e polo sur recibía un sol delicioso, tendo a carón da man o xarro do viño.

Non sei por qué nese momento acudiu a miña memoria un relato que o meu mestre de Primaria nos fixo nunha ocasión sobre a búsqueda da camisa dun home felix: cando cansados de rebuscar por todolos recantos do mundo, atoparon cun home que dixo que era feliz; que non botaba a faltar nada, nin riqueza, nin saúde. Él era completamente feliz, pero non tiña camisa. Quizais a miña lembranza era debida á felicidade que eu sentía naquel momento.

            Por este motivo e outros semellantes, gardo nun recanto da miña alma un apego á miña ribeira, que vin totalmente realizado, porque estaba a faguer o que me gustaba: traballar na viña. Eu podaba só, sulfataba, rendaba, procuraba que os racimos non tocasen o solo, e repoñía algunha cepa cando unha planta deixaba de producir. E facía estes traballos porque me gustaba, sen agobio. Cando me fatigaba, sentábame na bodega e, ou me poñía a ler, ou facía un solitario.

   Así pasaba os días e non digo tamén as noites por razóns de familia. Na colleita do ano 2003, presionado un pouco polo meu precario estado de saúde, e outro pola familia, que me querían aliviar do traballo do trasfego do viño, tomei a resolución de vender as uvas. Con isto evitei, ademáis do trasfego, todolos traballos que acarrea a conservación do viño ó longo de moitos meses.

            Por suposto que gardei uvas para poder te viño para o consumo da casa, e para poder invitar ós amigos, e ós compoñentes do equipo local de fútbol, ós que invito todolos anos na miña bodega.

 


 

 

Un día de inverno

 

   En Taboada marcaba o termómetro dous ou tres graos baixo cero. En

 Sampaio, aínda co día, presentaba cor de inverno; lucía o sol alternando ca algunhas nevadas, “mansiña, mansiña, iban caíndo, caíndo as folerpiñas de neve”, que eran engulidas polas augas quedas do embalse. A pesar da neve o clima era outra cousa; semellaba que a neve caía porque lle cadraba, nunca chegaba a resistir uns minutos sobre a superficie da terra. Aquelo non era frío, era unha maneira de se pór gris o firmamento, sen domeñar as ramas das árbores como pasa nos países nórdicos.

              Daquela eu botaba na pota un ou dous chourizos da casa, poñía a mesa pequena na terraza, acadaba  a xarra do viño e considerábame o rei do mundo. Logo, pola tarde, tornaba ó traballo da poda, sempre acompañado por un paporrubio que non se alonxaba de min, supoño que porque eu, ó andar, iba movendo as follas caídas e deixando á vista (á vista do paxaro) algún pequeno insecto.

   Nunha ocasión estaba eu podando a carón do camiño, cando pasou unha familia que viña de paseo. Un dos nenos preguntoulle ó pai polo nome dunha sobreira. A nai, que era natural dun pobo cercano preguntoume a min: -Señor, ¿cómo se llama este árbol?-. Eu nin curto nin preguiceiro respondinlle: “Chámase plátano galego”. –Cuando yo vivía por aquí no se llamaba así- dixo ela-. “Cando meu pai escoitaba algunha burrada –engadín- solía dicir: alcornoque”. Non sei se recolleu a intención da frase.

   Noutra ocasión andaba por alí un home novo cun barquiño moi feito, con cabina, motor e varios aldraxes. Non sei o que lle pasou, que nunha maniobra do barco caeu ó río e comenzou a berrar auxilio. Eu baixei axiña e axudeino a saír do apreto. Habíase enredado nunha corda e non podía subir a bordo. Pregunteille: -¿Vostede non sabe nadar? – díxome que non. Eu engadín: -Pois, home, onde mercou esta maravilla de barco deberíanlle esixir un certificado da máis elemental das condicións: saber nadar.

              Non lle debeu gustar moito a miña inxerencia sobre os seus coñecementos, porque marchou sin dar as gracias e sin aceptar a miña oferta de secarse á lume.

 


 

 

UN DÍA DE BATIDA Ó XABARÍN

 

              Foi unha vez que despois de cazar o xabarín pola mañá fomos comer á miña bodega de Sampaio. Despois da comida trataron de seguir ca batida pola marxe dereita do río, e outros foron dar a volta por Taboada, para saír a Xián que é a costa que está  fronte de onde nos atopábamos. Entre iles estaba meu irmán Andrés que se quixo enrolar nunha barca que iría polo río entre as dúas costas. Como eu non tiña moita confianza no barqueiro, díxenlle ó meu irmán que non utilizara a barca, e que viñera comigo a Xián, onde tíñamos moitas posibilidades de veren algún bicho. Non me fixo caso e alá marchou con outros compañeiros, na ditosa barca.

   Eu fun a Xián e cando se fixo de noite volvín dando a volta por Taboada, pensando que estarían esperándome na bodega. Como alí non había naide marchei á casa de Almuiña crendo que estaría alí, xa que tiña a súa dona esperando. Cando cheguei á aldea e non o encontrei volvín á Sampaio por se acudiran mentres eu fora a Almuiña. E como non estaban na bodega e xa eran as once da noite percorrín a veira do río ata que na ribeira de enfronte escoitei algúns disparos de escopeta e peticións de socorro.

   Como eu non coñecía os camiños para baixar ó embalse, cuidei que había que falar con iles por se sufriran unha desgracia. Fun buscar ó Gilberto de Sonán, que me acompañou por veredas e camiños de cabras, ata que puidemos dar co grupo de náufragos. Informáronnos de que non había ningún ferido, pero que o lugar onde se achaban non tiña saída, e a barca estaba averiada.

              Era unha noite de vento e choiva, e había moito risco en aventurarse a navegar polo río. Vímonos obrigados a dar a volta por Currelos, pedindo auxilio para que nos indicaran un camiño que conducira ó lugar onde estaban os da barca. Sexa pola hora avanzada de noite, sexa polo medo que aínda latexaba na xente polos fuxidos da Guerra Civil, o certo é que en ningunha casa nos atendían, pese a mostrarlles de palabra a nosa identificación, ata que no lugar de Chaves saiu un home connosco, e con fachos de palla, caíndo eiquí e acolá, por sendeiros de cabras, e aproveitando os pasos que deixaban os arroios, logramos chegar xunto do grupo: algúns, esmorecidos, outros, con bo humor. A min quedoume de recordo unha bronquite que me durou meses.

              Entre lágrimas de ledicia referíronnos as vicisitudes e os perigos pasados, e a sorte que tuveron de que un golpe dunha onda os arrimara á ribeira, xa que a barca estaba á deriva e non tiñan remos.

 

 

 

 

O FIANDÓN

 

   Arestora non se sementa o liño, polo menos coa abundancia ca que se facía tempos atrás, cando o liño semellaba unha producción das máis significativas, tanto polo producto en si mesmo como pola xente que se movía no  seu arredor.

              A cultura do liño é ancestral; en Galicia está rodeada de mitos, cantigas e lendas, con algún que outro resultado de pelexa.

   O fiandón ou fiadeiro consistía en xuntar nunha cuadra ou corral todalas mozas do lugar ou veciños a carón do caseiro, que entregaba as manelas xa fiadas ou para fiaar alí; tamén alí acudían os mozos, lanzándose chistes graciosos, e cantigas; a unha hora convenida apagaban o candil. Daquela era a cañamizada. Todos revoltos, unhas gritaban, outras pelexaban por defenderse das acometidas dos mozos.

  Cando arestora lles explico ós meus netos o que era un fiandón fártanse de rir; non son capaces de entender esta cultura, nin a maneira de divertirse daquela xuventude. Unha xuventude que voltaba do traballo, fartos dunha sega, ou malla, cantando e choutando, sementando ledicia polos pobos por onde  pasaban.

             Aínda hoxe se conservan nas herdades nomes coma “liñar” parcelas de terreo que, xeralmente son de boa calidade pero con outro producto, porque o liño pasou á historia ca súa carga de cultura, que somente se conserva nos recordos e nos contos dos abós. Houbo un tempo non moi lonxano no que se intentou reproducir o cultivo do liño, mais non prevaleceu, debido ó afán e a cobiza materialista do século que nos tocou vivir.

  O traballo do liño era moi laborioso: desde que se sementaba, ata que se convertía en sabás, ou sacos, tiña que pasar polas seguintes labores; mondalo (quitarlle a herba), arrancalo, sulagalo, solealo, ripalo, mazalo, deluvalo, espadalo, fialo, enmarañalo e blanquealo.

              Eu puiden asistir á un distes fiandóns en Relás, non recordo ben se foi na casa do Cacholas ou na do Tío Andrés. Habíanme liado alí uns rapaces maiores, dos que solían traballar na viña do Abeledo. Conservo un pracenteiro recordo daquel día, mellor, daquela noite, aínda que por a miña curta idade non tomara parte activa no xolgorio.

 

 

A festa do CORPIÑO

 

   Eu tiña moitas ganas de ver en qué consistía a ditosa argallada. Polo falar da xente, tratábase dunha reliquia que quitaba o meigallo do corpo mediante a asistencia dunha determinada cantidade de misas ou pesetas. Como cadraba coa festa da miña parroquia aproveiti a ocasión do luto da miña casa de Almuiña pola morte de tío Adolfo.

              Tratei de buscar un compañeiro e o demo me fixo dar co Pepe dos Santos, da miña idade, tamén casado. Organizamos a viaxe para ir xa o vintetrés de xunio ca santa intención de poder asistirmos á misa, que nomeaban “dos enfermos”. A ermita estaba ateigada de xente. Uns eran verdadeiramente enfermos, outros, familiares dos enfermos e, outros, devotos. Traballo nos costou entrar, pero fomos pasando. Cando estabamos na metade, cada vez que soaba unha campanilla por calquer momento litúrxico da misa, había unha moza, alá, cerca do altar, que emitía un ruido semellante ó vómito. Eu reparei nela e funme acercando, pero era tal o apretuxo que diante de min un home vello desmaiouse. A xente, en lugar de axudalo a levantar preguntaba se o “botara” –referíanse ó meigallo-, xa que a crencia xeral era que o meigallo que saía dunha persoa  podía ir a outra.

              Eu non puiden por menos de exclamar: “Este home está enfermo; sáquenno para fora e que lle dé o aire”. Eu seguín co meu traballo de me adiantar, cobadeando ás persoas do medio, para achegarme á moza dos berros, pensando que se trataba dun gancho dos curas, coa santa intención de emocionar ós fieles. Que Deus mo perdone, pero quería saber de qué se trataba. Púxenme á carón dela, paseille a man pola parte alta da perna, e díxenlle: “Ti estás coma un tren de boa, ¿por que fas ises estoupos?” Ela calou sin facer noxos ós sacrílegos tocamentos. Ó final díxenlle: -Espérote á saía da misa-. Fose pola moita xente, fose que ela disimulou á saída, o feito é que nunca máis a botei ver (mentras eu facía estas operacións o meu compañeiro, de pé, sobre a peana dunha imaxe, desternillábase de risa).

              Pola noite argallamos cunha linterna algo semellante á unha confesión nun confesionario exterior. Il meteuse dentro ca linterna; funme arrastrando coma un corpo derrengado en dirección ó confesionario, mentras il gritaba: -¡Arrepiéntete, disgraciado!-. Algunhas parellas que se atopaban sentados no muro que cerraba o adro, ceibáronse

 

 

 

                                                          

 

 

 

 

PERSOAXES

                            

 

 

 

Don Jesús MÉNDEZ

 

Era de natural nado en Gondulfe (Taboada) e veciño do mesmo lugar. Tiña un talento natural que daba envexa. Faltábanlle uns dedos da man dereita e o ollo ezquerdo, que perdera “loitando contra os mavises, nos cañaverais de Cuba, ás ordes do General Weiler”, á quen lle seguía tendo afecto.

   A misa na parroquia era dialogada; quero dicir: os feligreses contestábanlle ó cura, cando na homilía citaba cousas relacionadas ca vida dos feligreses. Nunha ocasión o cura recriminou ós homes da parroquia porque obrigaban ás mulleres a facer traballos que non lles correspondían; mal vestidas con saias de estopa. O señor Méndez, desde a tribuna onde se atopaba díxolle: “Sepa vostede, señor cura, que a miña muller usa só saias de estameña fina de Holanda”; -respondeulle o cura: “Tamén é a única da parroquia”. Que deixa constancia da fama que tiña o bo do cura cas mulleres .

   Noutra ocasión presentouse o sacristán na súa casa para recoller o pan das “rogativas”. Consistía esta costume en recoller pola parroquia grao para pagarlle ó cura as rogacións que facía todolos días o derredor da igrexa, bendecindo os campos para os protexer dunha tormenta. O señor Méndez preguntoulle ó sacristán a razón desa petición e o sacristán  explicoulle á súa maneira a razón, engadindo que o cura, cando bendecía os campos facíao en xeral. O señor Méndez, que non comulgaba moi ben cos ritos sagrados, díxolle ó sacristán: “poña vostede nesa lista que Jesús Méndez non da nin grao; tamén quero saber cómo se arranxa Deus para apedrear no meu solo. A argucia era válida, especialmente, tendo en conta que os seus eidos eran pequenos.

     

 

O ZAMBRA

 

    Chamábase Zambra porque de pequeno partiuse unha perna, e daquela non existían médicos mañosos ou especialistas, tendo en conta o alonxado do lugar de Feirol, en Xian, e o dificultoso de poder achegar alí a calquer facultativo ou menciñeiro. Nesta situación, pódese asegurar que lle arreglara a crebadura un veciño, máis ou menos capacitado para o traballo. O feito é que o noso hombe quedou ca perna torcida e dáballe un xeito de rumba ou zambo ó andar.

              Tiña un grande talento natural que lle permitía saír garboso de calquera troula.

              Nunha ocación iba camiño da feira de Escairón cando foron atacados por unha banda de foraxidos ou bandoleiros; naquel tempo (década dos anos corenta) eran frecuentes os atracos: quitáronlle os cartos á cantos iban no coche con il. O Zambra díxolles: quitáronme os cartos que tiña para merca-lo pan para os meus nenos; agora lévenme con vostedes. A verdade era que só lle quitaron catro pesos pero coidaba defender as catro mil pesetas que gardaba no calcetín. O xefe da banda que o viu así díxolles ós compañeiros: -Devolvédelle os cartos á ese mendigo; e recobrou os catro pesos.

   Noutra ocasión contounos o que lle pasara cun marrao:

            -Cando a porca dalgunha veciña paría máis marraos dos que podía aleitar adoitaba a costume de regalar un marrao a calquer amigo que o quixese criar. Aquel chamábse “marrao do cachelo”. Un día un deste animais foi parar á miña casa –dixo o Zambra-. Eu tería dous ou tres anos, cando miña nai me deixou co marrao ó pé da lareira, onde se estaba a cocer a broa que comeríamos despois que ela chegase ca leite de cabras. Cando chegou a miña nai encontrounos a min e ó marrao rifando pola broa que destapara dun cesto que a cubría, ben chea por riba de carolos de millo acesos para que conservara o calor.

 O que non nos dixo foi quén dos dous destapou a broa.

            Outra vez viaxaba cun coche de líña cunhas peles que comprara, e que suponían material suxeito a control pola Xunta de Abastos. Ó mirar que se acercaba a parella da Garda Civil, antes que chegaran, dixo: -Haber quén deixou eiquí unhas peles, que cheiran coma raios.

              Era unha alegría estar de charla con el.

 

 

O Señor LARIDO

 

   Rexentaba eu a escola de Cerdeda (a carón de Almuiña, atallando polas chousas de Beco) e algúns días no inverno adoitaba levar o xantar. No intre ata o comenzo do traballo da tarde pasabao cun señor que facía zocos, zapatóns de becerro, ou remendando os zapatos da muller; calquera cousa referida ó calzado.

   Iste bon señor era moi simpático contando contos de cando era máis novo. Eu lémbrome dalgúns. Como ceceaba moito intentarei transcribir a súa forma de falar.

              “Unha vez era a famoza festa de Sabreixo (Monterroso) e os mozos dalí tíñanosla gardada. Comenzou a lía e como noz eramoz poucoz vímonos na obligación de fuxir cada un por onde puido. Viñeron traz de min ata Zampedro. Alí metinme unha caza e mezmo na porta un doz que viñan detráz agarroume pola chaqueta i eu non tiven outra rezolución que botar a mau á coitelo e pazeilla pola barriga e ce lle caíron alí mezmo az tripaz. Meu pai tivo que vender a mellor naveira para facer frente ós gaztos do xuizo, pero a Dioz gracias ezcapei da cadea” (os veciños confirmaron a autenticidade).

   “Outra vez fun co Cerén de Piñeira á ribeira; levamoz duaz mozaz e za zabe, éramoz mozoz novoz, fizemos zantar e comemoz e dezpoiz de comer fomoz cada un coa zúa, e za ce zabe, elaz eran gaiteiraz, e xa ce zabe, noz eramoz mozos...

   Cando voltamoz para a bodega elaz entraron para levarze algo. Eu quedei mirando por un burato da pechadura escoitando. Decía unha: María, comer comemoz e bebemos ben pero az carallaz viñan rabiozaz”.

              Tiña o bon do home ó lado de onde il traballaba un mesote pequeno  ó que lle faltaba unha pata. Alí mandaba sentar ás mulleres que iban arranxar algún calzado. Como o banquete era coxo ó sentarse caían para atrás; daquela o Larido botábase sobre ela dicíndolle: muller za que caíchez. E, según il, poucas resistían.

   A min fíxome doadas moitas horas que a non ser por il houbera pasado aburrido.

   Había no parroquia de Taboada dos Freires un cura ó que lle gustaban as cousas do señor Larido. Nunha ocasión díxolle éste ó cura:

              -Zeñor cura, ze non ze enfada, dígolle az trez verdadez do barqueiro-. “Bueno, Andrés, siempre con tus cosas; a ver dilas”.

              -Unha, oz burroz carretan o viño e soio beben auga-. “Bien, Andrés, bien”.

              -Outra, az cabraz deixan o bo do camiño e andan polos valados-. “Bien, Andrés, bien. Di a última”.

              -Outra, oz curaz dannoz o ceo para noz i quedan coz cartos para elez.

              -“No, Andrés, no; eso no es verdad” – contestaba don Desiderio.

              Pero a xente ríase moito. O bon do Larido i eu chegamos ser moi bos amigos. Era o que lles facía os zocos ós meus rapaces.

      

 

O ÁRABE de Rodeiro

 

   Foi unha vez un vendedor ambulante de Rodeiro que, para simular ben o seu comercio, pretendía falar un galimatías que nin era galego nin castelán; e, para darlle máis valor á súa mercancía, facíase acompañar dun rapaz de Taboada, fillo dun compañeiro meu da corporación municipal, que lle chamaban O pollo, e que lle servía de intérprete.

              Nunha ocasión presentouse o bon do vendedor, sempre acompañado do seu intérprete, na casa do cura de Xián (Taboada). Para facer ben a presentación levaba a referencia doutro cura (Don Desiderio, de ¨Taboada dos Freires). Falou co señor cura e ó entrar no curro da casa atopáronse cun forno onde os veciños estaban cocendo o pan. Ó mirar o Árabe o forno ardendo e axustado pola boca comenzou a berrar clamando perdón: ¡Un inferno no, yo creer en Dios!

   Entre o cura e o intérprete lograron sosegalo explicándolle que se trataba dun forno, e aquelo non era o inferno. Seguiron adiante e, ó pasar do curro á casa viu un coello moi grande e voltou berrar: ¡Fiera, fiera! Tamén lle tiveron que explicar do que se trataba, e con estas andrómenas entraron na casa. Despois de falar co outro cura (don Desiderio), habíalle comprado unhas teas; mostroulle a súa mercancía e acobou por endosarlle á bo do cura unhas sotanas e outras prendas, por valor de varios miles de pesetas, que o cura gardaba nunha hucha.

              Pese a miña teima por conseguir unha entrevista co bo do tratante de Rodeiro non puiden acadar unha ocasión para entrevistalo e invitalo a xantar, porque me houbera contado cousas dignas de figurar neste relato.

 

 

 

O Señor LEONCIO da CRUZ

 

            Foi na festa de San Xoan. Daquela había o costume de cmandar un músico a cada casa de veciños da parroquia. Despois de tocar unha peza, logo da procesión, o músico aparecía na casa á hora de xantar con un foguete na man. A min chamoume a atención que na miña casa apareceran dous músicos, un deles era o do bombo. Pregunteille a razón de que me mandaran dous, en vez de un músico. O señor do bombo díxome que él había sido destinado á casa do Señor Leoncio da Cruz, pero habíao rechazado, precisamente polo bombo.

   Máis tarde souben que dito señor Leoncio consideraba un desprezo o feito de que a Comisión de festas da parroquia lle mandase un músico co bombo, ou co redoblante.  A verdade é que o bon do músico viña atemorizado, non polo desprezo, senon pola forma que tivera de facelo. O señor Leoncio, ben fora pola artrite, ou por outra enfermidade, tiña a cara que semellaba entre Boris Carlof e Franquestein; uniase á esta cara un corpo axigantado. Non me sorprende que o pobre do músico escapara a correr.

 

 

           

 

 

A CESTEIRA

 

            Era una viciña, viuva, que vivía a conta dunhas poucas ovellas e uns pequenos terreos. Tiña a virtude de ter de inimigas á todalas viciñas, menos unha, para ter con quén falar. Cando pasaba por diante dela algunha das viciñas que tiña en contra, sempre cantaba esta cantiga:

 

                                  Por qué non cantas paxaro,

                                  Porque non teño alegría.

                                  Non hai cousa que se faga de noite

                                  Que non se sepa de día.

 

            Ó acabar a última estrofa remalaba os ollos de cara á persona a quen desexaba satirizar. E como tiña uns allos moi grandes e negros, a remaladura facía un doble efecto.

 

 

 

 

 

ANÉCDOTAS SOBRE AS MIÑAS ACTUACIÓNS COMO ALCALDE DE

TABOADA

 

            Cando me chamou o gobernador para ofrecerme o cargo de alcalde botei moitos días sen durmir, pensando na responsabilidade que este cargo traía consigo; pero por outro lado tamén pensaba na honra que supón ser alcalade do pobo onde un naceu.

            A primeira ocasión de comprobalo que se presentou foi a chegada dun esmoleiro procedente de Antas de ulla, que viña acompañado por un empleado. Según él, era de Taboada; por tanto tíñamos a obriga de facernos cargo del. Eu, que era novato pregunteille ó secretario qué se podía facer. O secretario díxome que podía ordenar a calquer viciño que lle dera asilo. Pensei que o mellor era ordenarme a min mesmo, e prepareille unha cama e roupa (o probe viña moi desgalichado). Miña dona deulle algo de comida e alí estuvo ata que lle conseguín una praza no Asilo.

 

            Noutra ocasión, tratando de arreglar o camiño de Rodeiro, na Cal de Mourelle, xurdiu un problema cun viciño que non quería deixar o ensanche. Tratei de convencelo por todolos medios, buscándolle amigos; ata o cura da parroquia interviu. Finalmente díxenlle que trouxera dous peritos    que tasaran  o valor do centeo que se iba cortar por tal motivo. Daquela as aldeas estaban  máis poboadas ca hoxe; por tanto era fácil xuntar moitos homes en poucos lugares. Así se reuniron no lugar citado varias ducias.

            Pregunteille ó dono do centeo quénes eran os peritos nomeados por él; fixeron a valoración tendo en conta o mes en que estábamos, e dixeron tres ferrados de grao. Pregunteille ó afectado se estaba conforme. Él díxome que quén lle iba dar o grao. Contesteille ó afectado que na miña casa de Almuiña, e que tamén lle aparellarían a besta para transportalo; e que non serían tres ferrados, como sinalaron os peritos, senon seis. O bon do home que me viu tan brando, sen respeto ós que él mesmo había nomeado, e alzando a voz para que todos oíran dixo: “Non deixo pasar a nadie pola finca”. Eu, que había xuntado tantos homes (daquelas non había máquinas), cheo de ‘omnipotencia’ dei a orde de segar o centeo e comenzar os traballos de excavación.

            Denunciáronme por allanamento de propiedade. Os viciños déronme o recado de que a finca non era da súa propiedade; él só era dono do centeo. Largueime onde o propietario e, despois de referirlle o caso, fíxome un documento de compra ó meu favor.

            Cando o xuíz de Chantada me chamou a prestar declaración, mostreille o documento e o asunto quedou reducido a xuízo de faltas.

 

            Na electrificación de Xián tiven unha trifulca co Rodís. Eu forzara a inclusión de Rodís no plan do inxeñero e un día ó saír da misa chamoume a atención porque lle cortaran unhas ramas dun carballo para pasar uns aramios. Collino polas solapas e, diante dos viciños, díxenlle: “Tes centos de carballos que nin sequera coñeces; baste lembrar agora dun carballo. Era verdade: o bo do Rodís ten moitas devesas e nelas centos de carballos.

 

            Outro dos percances ca electrificación pasoume en Mesonfrío, onde un afectado por un poste chamou á Garda Civil. O tenente, que era amigo meu, acompañoume ó lugar do poste. Eu díxenlle ó tenente: “Faite cargo da miña conversa co denunciante”. O denunciante, ás miñas preguntas, repondeu: “Hai tres postes nas miñas leiras, mentras que ó viciño non lle meten ningún poste”. Eu pregunteille ó tenente: “¿Qué lle parece?”

 

            Noutra ocasión, traballando no camiño de Cerdeda, estaba o capataz ca cinta métrica poñendo unha estaca nunha horta, sinalando o límite do camiño. Apareceu o dono do camiño e díxome: “Ha de pasar pola miña horta cando pase por baixo da miña saia”. Eu, con sorna contestei: “Algún día pasei por outras partes peores”. A boa da muller riouse e nos acabamos o traballo.

 

            Foi o Día 31 de agosto, festa de san Ramón, en san Julián de Campo. Eu estaba invitado polo Fente para comer de campo, pero non sei por qué razón non fun. Púxenme a xogar ó tute no café e chegou o cura Serrapio e armou unha partida. El, por razón de parentesco tamén estaba invitado polo Fente. Xogamos a merenda e perdemos. O cura levoume á casa do Fente; díxome: “Eu tamén estou invitado, pero compláceme máis roubala. Ten o Fente unha empanada e un cabuxo para a noite; imos tomar un vasete, enganamos ó Herrero e facemos un ladroizo. Eu engano e ti fas a operación”.

            Así foi, eu collín un pedazo de empanada e un anaco de cabrito; levámolo a casa da Matilde –daquela estaba na casa do Naviñeiro-, dicíndolle: “Á tardiña imos vir merendar uns amigos; ti ponos o cabrito e a empanada. Cando estábamos merendando, o Carballeira, un dos que nos ganaran, dixo: “¡Ei, carallo, que quen paga esta merenda son eu”. El vendéralle o cabuxo ó Fente e aínda non llo pagara.

Cando chegou o Fente a casa e viu o desaguisado armou a riña co Herrero, quen se defendeu dicindo: “¿Quién iba a desconfiar de dos señores de carrera?” (O bo do Herrero era un empregado que viñera de Zamora).

 

Foi con motivo do DÍA DA PROVINCIA. Podía o alcalde realizar certas obras con cargo a Diputación Provincial. Eu tiña litado moito por conseguir este Día, ata que por fin o logrei. Non houbo outro. Unha das obras que se realizou foi o camiño do cemiterio, onde tiña a casa un paisano de Zoás, que se considerou perxudicado por este camiño e denuncioume. Eu intentei agotar todolos medios para evitar o conflicto, incluso chamei por teléfono ó abogado que era amigo seu, pero contestoume con verbas xudiciais. Tratei de dialogar co propietario da casa, e nada; estaba empeñado en “sentarme no banquillo”, dicía.

Fomos ó xuízo e o meu abogado, é dicir, do Axuntamento, non se presentou na hora sinalada, mentras os membros do xulgado trataron de botar terra ó asunto, animándonos ó arreglo. Cando chegou o xuir o abogado do denunciante dixo: “Es que hubo allanamiento de propiedad.” Eu, que estaba sentado co encargo das obras, erguinme e díxenlle: “Eso de allanamiento lo dirá el señor juez, si así lo considera, no usted.” El contestoume que era o que lle dixeron. Entón non faga vosteda xuízos de valor.

Terminamos arreglados, pero non sin antes decirlle ó abogado do denunciante:

 -Esto é o mesmo que lle ofrecera antes do pleito. Ademais aínda tiña un as na manga: mire este proxecto redactado por un enxeñeiro, e que estivo exposto ó público o tempo reglamentario.

Díxome: “Eu iso ignorábao”.

O alcalde de de Chantada, o meu amigo Regal, i eu andabamos a quén primeiro dera fin á electrificación dos nosos municipios; teño entendido que fun eu. Nunha ocasión, con motivo das festas de Chantada, o Gobernador da provincia xuntou a todolos alcaldes da zona sur a unha reunión de traballo. Comezou a preguntar a caa un polos traballos realizados ou as dificultades, presionando sobre os transformadores que cada un iba a pór en marcha no mesmo ano. Cada alcalde aducía as posibilidades que tiña ou os problemas cas instalacións dos postes. Cando me chegou a min o turno díxome:  -Jesús, tú a tu aire-. Xa sabía que eu marchaba por diante.

 Cando morreu Franco presentei a dimisión con carácter irrevocable; naqueles días celebrárase unha homenaxe ó Director Xeral de Primeira Enseñanza, en Sarria. Alí me atopei co Gobernador, que me dixo: -Piénselo bien-. O director de El Progreso, que colleu a frase, cando xa estabamos na mesa, díxome “eu non lle direi a ningún alcalde que dimita, pero, se estivera nesas circunstancias, dimitiría”. –Pois pensamos igual vostede e o alcalde de Taboada- lle dixen.

De todolos xeitos, deixei rematada a electrificación rural antes de saír, pese ós obstáculos atopados no desenrolo dos mesmos. Un deles lémbrome que foi no talo dunhas polas nun carballo de Ramil. O dono do carballo, o Secundino denuncioume; tratei de que retirara a demanda, mais non foi posible; logo non me recordo cómo quedou a cousa. Nise lugar de Ramil sempre contei co apoio dunha doña: a Mercedes do Pardal (d.e.p.).

 

Moitas outras trifulcas hoben de sufrir perante o meu mandato como autoridad, pero isto faría este relato demasiado prolífico. Antes de que me esquezan, quero deixar constancia do que me ocorreu na carreteira provincial de Taboada dos Freires a Adá. O contratista era o señor García Portomeñe. Unhas veces por un carballo, outras por chanto, o certo é que eu a cada rato tiña que abandonar o Colexio para resolver o problema con algún viciño.

Nunha ocasión fun acompañado polo capataz con intención de replantear os lindeiros dunha finca onde a propietaria non deixaba pasar. Cando cheguei ó sitio estaba a dona acompañada dun home que tomaba notas nun papel. Eu pensei que se trataría dun entrometido, e pregunteille a quén representaba; e respondeume: “Al Ilustre Colegio de Notarios de Pontevedra. Soy notario; y usted, ¿a quién representa?” –Yo represento al Jefe del Estado- contentei.

 

Noutra ocasión, sempre na mesma carreteira, foime buscar o contratista ó Colexio, rogándome que me persoase nun punto onde os viciños de Xestoso tiñan parada a máquina de cadeas. Eu marchei cabreado por tantos tropezos e abandonos do Colexio. Cando cheguei ó lugar do conflicto reparei en que diante da máquina estaban unhas poucas mulleres e dous mozos impedindo calquer movemento; penso que nin sequera lles di os bos días.

Díxenlle ó maquinista que enriba de la máquina: -¿Vostede coñéceme?- respondeu: “Sí señor”. –Pois dígalles a estas persoas que están diante da máquina quén son eu-. O bo don maquinista afirmou: “Vostede é o alcalde de Taboada”. –Se lle mando poñer a máquina a andar, ¿vostede faino?-, respondeu: “Sí señor”. –Pois fágao agora mesmo, ¿a qué espera?- O home puxo a máquina a andar e a xente escapou como puido. Un dos mozos encarouse a min decíndome: “Vou buscar a meu pai, que é cego, a ver se pon a máquina a andar”. Collino polas solapas e díxenlle: -Maricón ponte ti, non busques a un home inútil, e lémbrate de que hai poucos meses que tuven que axudar a sacar unha muller parturenta nunha escada ata o lugar onde esperaba o coche.

 

En dez anos que exercín a alcaldía de Taboada son moitos os altercados que sufrín, cando os camiños reparábanse soio coa axuda dos viciños, as xuntas de vacas e as ferramentas de mao. Abonda con reseñar aquí unha partida de orzamento para camiños: 20.000 pesetas.

   Nunha ocasión que un concellal preguntou polos gastos do alcalde en viaxes puiden responderlle: “Estamos en Nadal, e os gastos do alcalde en viaxes en todo o ano acutal son 11.420”. Hoxe todolos alcaldes teñen un soldo mensual de 200.000 pts por término medio.

 Noutra ocasión tiñamos que reunirnos co Gobernador en Chantada para falar sobre inseminación artificial; ibamos varios alcaldes i entre eles, un que era algo tarugo. E comentando conmigo  verteu a verba “helicóptero”, decindo que en Rusia repartían así o semen. Cando despois falabamos das ventaxas do semen na reproducción do vacún, siu o tarugo e dixo: “En Rusia reparten o semen con “helicóptero”; tal como soa.

 

Tamén desexo referir outro acontecemento que me ocurreu nunha xuntanza de varios alcaldes co Gobernador. Tratábase de concretar a repoboazón forestal, ben co Distrito Forestal, ou ben co Patrimonio Forestal. Eu concertara a repoboación co Distrito, porque daquela non existía ourtro organismo. O Patrimonio veu despois, e ó parecer ofrecía mellores condicións económicas para os concellos. Eu expuxen o meu caso, decindo as ventaxas. O alcalde de Chantada interrumpiume para decirme que me engañaran. Airadamente levanteime para dicirlle: “Xa sei que os de Chantada sodes máis listos, pero non creo que na presencia do Gobernador poida falarse de engaños  dunha organización estatal.

Estabamos arreglando o camiño de Sobrecedo cando apareceu a Manuela impedíndonos o traballo, xa que se trataba dunha finca súa. Viña acompañada dun abogado de Lugo que era amigo meu. Botounos un discurso sobre o direito de propiedade e, non sei se non leu algún artigo da Ley. Eu fíxenlle ver a diferencia entre íl e eu; xa que il defendía un cliente por certa cantidade de diñeiro, mentras eu trataba de buscar a maneira de poder pasar o autobús escolar para transportar os raparigos do colexio. Acabou disculpándose e invitándonos a unha copa.

Máis tarde, a boa de Manuela púxome unha denuncia por estafa e, cando me chamou o Xuiz de Chantada, díxenlle: “Eu non teño en Sobrecedo ningún interese persoal, non teño familiares nesa parroquia; o único que me preocupa é millorar o camiño nun medio rural que nin pode saír nin recibir a visita profesional dun médico, nin facilitar os medios para que os nenos poidan asisitir ó Colexio”. O xuiz arquivou o expediente i eu saín en busca do abogado ourensano que lle fixera o escrito de denuncia por estafa. Afortunadamente non o atopei (A Manuela era analfabeta).

 

Foi na primaveira (non lembro o ano) cando recibín a Medalla da Xuventude, que compartín co sempre bo amigo e unca ben ponderado José Regal, alcalde de Chantada, e Carlos del Pozo. Tuven que facer eu, no nome dos tres, o honor dos agradecementos. Pouco tempo despois recibía a Gran Cruz do Mérito Militar de Primeira clase con distintivo blanco. Impuxéronma no Goberno Militar de Lugo, con moita asistencia de público, entre os que figuraba o antedito amigo Regal. Foi tan alegre esta imposición que a pouco máis colócanme unha carpanta.

 

  

 

CON FENOSA

 

Cando a ponte de Mourulle era xa un feito FENOSA púxolle un escrito ó alcalde de Taboada dicíndolle que xa era útil a ponte –a ponte deixaba de ingresar a partida de mil pesetas diarias que habían consignado en pacto establecido-. –Eu era amigo do enxiñeiro de Zona en Ourense e chameino por teléfono para dicirlle que o documento otorgado por FENOSA non era iso.

Pediume unha copia de dito documento e ós poucos días recibín unha comunicación do Xerente Xeral citándome para un determinado día. Alá fomos o secretario i eu e recibiunos outro enxiñeiro, rogándonos que esperáramos un rato. Cando o señor xerente nos recibiu estaba despachando cunha secretaria; fíxonos unha indicación ca cabeza, que aínda hoxe non sei qué quixo dicir. A min non me gustou, pero calei. Por fin deixou a secretaria; mandounos sentar. Empecei eu facendo alusión ó documento suscrito por FENOSA, dándolle lectura ó mesmo, recalcando aquela frase de “estas mil pesetas diarias serán abonadas por FENOSA hasta que Obras Públicas u organismo competente autorice el paso por el puente”. Dixen: “Que eu saibañ, ata de agora non se fixo esa comunicación”. “Total”, dixo él, “esto es Sierra Morena”.

Oído isto, mandei poñer en pe ó secretario i eu tamén me levantei dicindo: “Este diálogo acabou eiquí; eu viñen con intención de defender os intereses do Concello; non sei si o lograría, pero o que non estou disposto a consentir eiquí é un insulto, o que sí faría na calle. O home tamén se levantou, pediu disculpas e terminou por aceptar a nosa proposta.

Clando saímos á calle o secretario, a quen eu non lle era moi simpático, deume un abrazo; non si se foi polo meu comportamento ou polos cartos.

Antes desta cita, realizamos outra con don Fernando Salorio, o alcalde Jesús Fente Ledo, Don Samuel Álvarez i eu, que entón era xuíz. Lémbrome daquela entrevista porque non sei a razón pola que damos don Fernando i eu solos no seu despacho. El queríame explicar cunha regla colocada en sentido vertical o posible pandeo das columnas. Sorrindo contesteille: “A min paréceme ridículo que ás tres da tarde esté vostede falando de estas cousas cun mestre rural”. –Tamén é verdade- dixo.

Aquel día ofrecéronnos doce millóns de pesetas si retirábamos o recurso presentado.

Cando xa a ponte estaba a terminar, chamoume o enxeñeiro que dirixía os traballos para dicirme: “Quero que sexa o primeiro que pase pola ponte. Vai asistir á un feito memorable”. A operación consistía en baixar as dúas partes da ponte, de forma que ó xuntarse deixasen entre sí un coeficiente de dilatación. Na marxe do Saviñao estaban moita xente i entre eles a Garda Civil; eu estaba advertido, polo cal non me asustei moito, pero os de enfrente, incluídos os gardas, botaron gran carreira polo estoupido que fixeron as dúas partes da ponte ó se xuntar.

O ruido das bombas botadas por tal obra quedou amortiguado polo estouro da ponte ó cerrarse. Acto seguido pasou o meu coche conmigo dentro e o ensiñeiro de copiloto, o que demostrou o valor daquel home.

Dado o meu comportamento de alcalde con FENOSA, intentei que me fixeran o alumado da vila, primeiro con algún escrito na prensa, logo con contactos persoais. Acabei informando á empresa do malestar que existía no pobo polo retraso de construcción da ponte, e acabou citándome o xerente xeral para tratar tamén do alumado da vila. Alá fun. Encontreime ca sorpresa de que non había ningún plan técnico sobre o caso.

O xerente encargou a unha axencia para que o fixeran, e o remitiran a FENOSA, que se responsabilizou de abonar o coste da obra

Inicio / Rota do Románico / Rota dos pazos / Rotas peatonais / Gastronomía / Aloxamento / Industria e comercio / Ornitoloxía
Recanto literario / Participe / Contacto / A feira / Mapa / A Medela / A. de Xubilados / A. O Carballo / Bádminton / A Coral
Banda de Música / Etnografía           FORO      CHAT