
|
En Galicia, entre as árbores autóctonas destacan moito os castiñeiros pero, o máximo exponente está nas distintas variedades de carballos, os nomeados querqur robur e querqur rexiflore, máis coñecidos co nome de negro, branco, caxigo, etc. Indubitablemente, constitúen un elemento importante na nosa vexetación e na nosa paisaxe. Aparecen espallados por toda a xeografía galega. O noso concello, Taboada, ten o privilexio de contar coa existencia de exemplares de recoñecida fama: O milenario "Carballo de Ramos', e tantos outros que habitan nas nosas carballeiras, moitos deles xa moi lonxevos. O outro carballo do noso concello que, dende a carlistada, se convirtíu en famoso, foi o nomeado "Carballo dos Cartos”. Está ubicado no camiño real que une a nosa vila coa parroquia de Santa María de Castelo, pasando por Relás, perante do coñecido pazo desta localidade, e pola "ponte das pedras". Esta árbore forma parte do patrimonio do pazo de Perrelos. Se camiñamos en dirección a Castelo, a menos de douscentos metros da devandita ponte, entre os muros da dereita e da esquerda, a maiores do paso, hai un espacio de terreo baldío, onde medran tres carballos lonxevos. O primeiro e o terceiro están pegados ó valado esquerdo, pero o segundo está ó carón do camiño real. Precisamente no derradeiro baséase a seguinte lenda. Trátase dun carballo de séculos de vida, con varías gallas, bastante grosas, unha delas sae por enriba do devandito camiño, e amosa un furaco polo interior. Na década dos trinta, do século XIX, tivo lugar a carlistada que, como sabemos, acadou bastante arraigo na nosa bisbarra. Os carlistas formaban as nomeadas "columnas de fauciosos", que espallaban guerrillas por todo o interior de Galicia. Según parece, o 26 de febreiro do ano 1.834, atacaron Monforte, e no ano 1.835, atacaron e saquearon Chantada. Nas zonas ocupadas esixían impostos e, cando se negaban a pagar ou non tiñan cartos, queimaban vivendas, palleiras, cosechas, etc. Os que consideraban inimigos, contan que chegaban o extremo de cortarlles as orellas. Aínda que nas súas trifulcas contaban coa axuda de algúns nobres e abades andaban escasos de recursos económicos para o plantexamento dunha guerra aberta, se ben é certo que houbo xente implicada en pro do pretendente don Carlos, constituía unha excepción, xa que a mayoría non colaboraba con esa pretensión ó trono. Despois de varios anos de liortas os carlistas perderon as poucas posibilidades que tiñan. Moitos morreron pola causa, outros rendíronse e, unha boa parte deles, buscou refuxio noutros países, xa que despois das sucesivas e derradeiras derrotas, os guerrileiros carlistas quedaron completamente desmantelados. No ano 1.836 fusilaron a Goianes, dirixente importante do movemento carlista, na nosa bisbarra. O fusilamento tivo lugar en San Salvador de Insua, Concello de Taboada provincia de Lugo. Un compañeiro do fusilado, cando se decatou de que as cousas non ían ben, fuxiu para Cuba, un refuxio que consideraba seguro. En terras caribeñas, ó longo de moitos anos, mantivo a esperanza de voltar as armas, en defensa daquela causa pola que tanto loitaran, coa ilusión de ver no trono de España ó pretendente D. Carlos, con moitos achaques de saude; nembargantes ainda asi, mantiña un raio de esperanza de que un día voltaría a súa aldea, pero esa ilusión coa que viviu tantos anos, foise diluindo o mesmo có xelo cando o quenta o sol. Gravemente enfermo decatouse da imposibilidade de voltar a súa terra natal e decidiu poñerse en contacto cun parente que vivía na aldea onde el nacera, por medio dunha carta que lle revelaba o secreto do “Carballo dos Cartos”, que gardara tantos anos. Na misiva facía unha descripción exhaustiva, mediante gráficos, para facilitarlle a localización do mesmo. Para unha mellor comprensión facíalle unha síntese do que fora a carlistada, na que participara activamente; “os homes que tomamos parte na guerra carlista, loitamos en pro do pretendente, tiñamos o refuxío nas ribeiras do Miño, por considerar que era o lugar máis axeitado, para descanso de guerreiros, tendo en conta que a maior parte das nosas accións de guerra eran por terras de Monterroso e Taboada. A nosa rota preferida foi sempre o devandito camiño real, que unía a vila con Castelo. Todos nos tiñamos a consigna de depositar os cartas, en caso de perigo, o chegar a altura do carballo, no furaco da galla, ainda para eso os xinetes tiñamos que poñernos de pé nos estribos do cabalo”. Esta rota na actualidade está prácticamente intransitable, xa que fixeron pistas por lugares de máis fácil acceso. Nunca se soupo nin se saberá a cuantia dos cartos alí agochados, pois o dono accidental finou co secreto, pero suponse, polos moitos saqueos que os carlistas fixeron, que había un importante tesouro. Cando o parente recibíu aquela carta, facía xa moitos anos que non tiña noticias da existencia do autor, nin siquera sabía onde estaba, nin tampouco se era morto ou vivo. Dábase a triste circunstancia de que aquel pobre home era analfabeto, desgraciadamente un fenómeno bastante frecuente naquela época. Entón decidíu acadar axuda dun veciño, que gozaba da súa confianza, xa que desexaba que lle explicara o contido da mesma. Coa finalidade de sabe-la verdade, o día seguinte chamou na porta do amigo, contándolle o seu problema. O señor recibiuno con moita amabilidade, mandouno pasar e pregoulle que sentara, logo trouxo algo para beber. Unha vez que o visitante lle entregou a carta; o señor botoulle unha ollada e, de súpeto, decatouse que nela había gato encerrado. Detenidamente, enterouse do contido da mesma e, con moita malicia, díxolle ó portador que o parente se preocupaba polo estado de saúde de toda a familia e que mandaba para todos chuchos e apertas. Logo engadiu: !Déixame a misiva ata maña, pola noite na cama dareille outro repaso, por se lle queres contestar, saber ben o que se lle vai decir! O bo do home saíu tan satisfeito do trato dispensado polo señor, polo baixo exclamaba: !Deus nos dea un amigo aínda que sexa nas portas do Inferno" Aquel señor de tanta confianza, aquela noite nin se deitou nin durmiu, dedicouna ó bautizo dun carballo, e púxolle o nome de "Carballo dos cartos".
NOTA.-Cando decidín escribir esta, hai poucos anos, existían os tres carballos que cito na mesma, pero hai pouco tempo, o que estaba ao carón do camiño arrincárono, sen coñecer a historia do mesmo. Cando certas persoas interesadas nesa lenda, o devandito carballo aínda estaba tirado ó lado do muro, naquel terreo baldío, entón limpárono ben, tratárono para lograr a súa conservación e trasplantárono no lugar de Santa María de Castelo, nun cruce de camiños, preto da igrexa parroquial e do campo da festa. Os veciños miran con curiosidade o que foi arca de tesouro, e non lle fan ningún dano, porque o devandito tesouro xa non está
Sócrates Rigueira Ramos
|