A Cultura “Castrexa” Galaica é a cultura protohistórica común á banda xeográfica que abrangue toda Galiza, o norte de Portugal e o occidente de Asturias e León, e que comprende, cronolóxicamente, os séculos VIII a.C. - I d.C., coincidindo,   aproximadamente, coa Idade do Ferro. Con inicio na derradeira fase da Idade do Bronce Atlántico, manifestando craros vencellos con outras gallas culturais da Europa atlántica (Irlanda, Gran Bretaña e Armórica) e “final” na conquista militar romana, cultura coa que se fusionaría sen chegar a perder moitos dos seus compoñentes autóctonos, ista é a “Cultura dos Castros”, poboados fortificados chantados en emprazamentos elevados, de difícil acceso e fácil defensa.

       Niste amplo mais ben nidio contexto xeográfico temos asociadas ós asentamentos unha trintena de estatuas graníticas, millor ou pior conservadas, esculpidas en vulto redondo, a tamaño natural, maxestosas representacións de guerreiros galaicos en posición de parada, que dominaban e presidían por parellas, en crara función de tutela, as entradas principais ós castros. Fachendoso símbolo marcial das aristocráticas elites guerreiras locais e armado cunha rica panoplia de espadas, puñais, cascos e escudos circulares (representados do mesmo xeito nas moedas romanas cuñadas en Lugo), iste espectacular conxunto iconográfico (algúns indicios apontan a que as esculturas irían pintadas con vivas cores) constituen un valiosísimo legado da Cultura “Castrexa” Galaica. A onomástica inteiramente indíxena das inscripcións que portan algunhas distas estatuas, así coma os torques que locen no pescozo e o armamento que amosan, manifestan a forte personalidade celta das elites locais do noroeste atlántico e permiten datar as esculturas, non sen rifas entre os especialistas, entre mediados do século III a. C. e mediados do século I d. C.

        Destinada a se converter nun icono clásico da estatuaria celta como xa o son a escultura do guerreiro de Hirschlanden-Hohenasperg (Alemaña), a cabeza de Msecké Zehrovice (Bohemia), a estatuiña de Euffigneix (Francia) ou a cabeza de Corleck (Irlanda), a impoñente escultura granítica do guerreiro galaico de Ralle (Taboada, Lugo), é, en realidade, un anaco do mesmo que abrangue, concretamente, a cabeza, enfeitada cun casco con cubrecaluga e paragnátides a contornar as orellas, a face, o pescozo torqueado e o arrinque do torso, crebado. Mais se por algo salienta a estatua é, sen dúbida, por locer no seu groso pescozo a representación máis grande de toda Europa dun torques celta (125 cm. de perímetro, 17 cm. de alto e 5 cm. de fondo), unha impresionante xoia, de caste luguesa, con variña de sección circular e remates en semiperiña (un diles lixeiramente estragado). Outras características singulares da escultura son unha altura total de 82 cm., o que a convirte no guerreiro galaico de meirande tamaño (estamos a falar dunha estatua que, completa, podería avantaxar os 4m. de altura) e ser, ademáis, o exemplo máis septentrional distas esculturas, localizándose, prácticamente, no centro xeográfico de Galiza. Todo un conxunto de peculiaridades que a fan única (con todo, no Museo Provincial de Lugo custódiase o arrinque duns xigantescos pes graníticos que moi ben poderían ser parte dunha estatua semellante en tamaño ó guerreiro galaico de Ralle).

         © Laureano F. Carballo 2006

 

BIBLIOGRAFÍA

- 1999: “Anaco inédito dunha colosal escultura dun guerreiro galaico atopado en Ralle, concello de Taboada (Lugo)” en Traballo Académico USC – Historia I (inédito).

- 2001: “O guerreiro galaico de Ralle (Taboada, Lugo): relectura etnoarqueolóxica do torques” en GALLAECIA, nº 20, Universidade de Santiago de Compostela: páxs. 133-147.

- 2003: “Die lusitanisch-galläkischen Kriegerstatuen, Tagung des Deutschen Archäologischen Instituts” en MADRIDER MITTEILUNGEN, nº 44, Deutsches Archäologisches Institut: páx. 15, lám. 24.

- 2004: “El guerrero galaico de Ralle” en Historia NATIONAL GEOGRAPHIC, nº 20: páx. 9.

- 2006: “Celtic Elements in “North-western Spain” in Pre-Roman times” en e-KELTOI – JOURNAL OF INTERDISCIPLINARY CELTIC STUDIES, nº 6, University of Wisconsin – Milwaukee: páx. 519.

- 2006: “De Keltische krijger van Ralle (Galicië)” en KELTEN, nº 32, Stichting A. G. van Hamel voor Keltische Studies: páx: 17.

     Saber mais

Inicio / Rota do Románico / Rota dos pazos / Rotas peatonais / Gastronomía / Aloxamento / Industria e comercio / Ornitoloxía
Recanto literario / Participe / Contacto / A feira / Mapa / A Medela / A. de Xubilados / A. O Carballo / Bádminton / A Coral
Banda de Música / Etnografía           FORO      CHAT