Vila de Taboada
Taboada é unha vila de glorioso pasado, un escritor coñecedor desta
terra, Trapero Pardo, deulle o nome “Vila branca”. É unha vila con recoñecemento
oficial “Concédese a Taboada o título de Vila, por resolución do Ministerio da
Gobernación, o 28 de xullo de 1.947”. Non é a vila que sempre soñei, pero é a do
meirande agarimo, e máis agora que están a vestila de gala.
No arquivo municipal de Taboada, na portada do primeiro libro de
actas, consta: “Libro de actas correspondente o Axuntamento Constitucional de
Taboada, creado pola Xunta Provisional de Goberno, nunha parte do ano 1.840”.
Non existindo outros antecedentes, é lóxico pensar que o Axuntamento naceu a
vida oficial, como tal corporación, na devandita data. A primeira sesión estivo
presidida por Xosé María López de Prado, da Casa de Cobas, no val das moreiras.
O solar da vila perteneceu durante moitos anos á parroquia de San
Pedro de Bembibre, pero no ano 1.898, coa nova división, pasou a ser parroquia
de Santo Tomé do Carballo, aínda que siga anexa a primeira.
No devir de Taboada lenda e historia rompen camiños, collidas da man,
no espacio e no tempo, coa memoria do pasado, a realidade no presente e a
esperanza no futuro, para conservar a xusta fama no ben comer, ben beber e ben
vivir.
Dende hai varios séculos as xeneracións de taboadeses nacen, viven e
morren a sombra dunha árbore milenaria, o emblemático “Carballo de Ramos”, o
noso estandarte o longo da historia e nosa herdanza do mundo celta.
Sócrates Rigueira Ramos