CAMPO, SAN XIAN

 

       A ORIXE

      

       A linguaxe toponímica, analizada dende as súas raíces centroeuropeas, revela que as sucesivas culturas relixiosas tiveron un enorme poder transformador no espacio e no tempo. Unha boa parte dos toponímicos son de orixe cristián e latino. Outros son transformacións de ritos e cultos prerromanos. Ademais unha parte importante do santoral cristianizado parece a santificación dun simple entorno natural, usado polos distintos poboadores que se foron asentando. E dicir, é o culto ó medio e o mesmo entorno natural habitado foi pronto sacralizado e logo cristianizado sen solución de continuidade.

        Esa simbiose pode xustificalo nome de San Xian do Campo: “campo”, seguindo a Nicandro Ares Vázquez, ven do latín “campus”, ou sexa, chan amplo. A dedicación a “San Xián” (San Julián, “santi iuiliani”) pode ser debida –Jaime Delgado- ó auxe que por aquelas datas  tiña a devoción ó santo nado en Antioquía (Siria), de quen se dixo que era tan esixente e duro consigo mesmo como amable e comprensivo cos demais, non en van convenceu a súa noiva de facer voto de castidade e foise orar ó deserto, e por non abdicar das súas crenzas acabou decapitado polo gobernador Marciano no ano 304.

        Nese “chan amplo” (souto que afortunadamente conserva castiñeiros centenarios) existía a vila chamada “campo”.

        Con ese nome aparece citada por Odoario (+ 786) e aínda que hoxe resulte chocante, pois ningún lugar da parroquia se chama así (o Nomenclátor da Xunta de Galicia inclúe os lugares de Abelairas, Brandián, Buín, Carril, Moure Grande, Moure Pequeno, O Outeiro, Pedrouzo, Pedrouzos, Quintá e Toldao, pero ningún “Campo”), non cabe dúbida da súa existencia, pois o testamento di:

                “ ..in valle villa vocitata campos...”

        É Odoario quen advirte a necesidade  ou conveniencia de fundar alí unha nova Igrexa (unha nova parroquia) e por elo inclúe a “Sancti Iulani” na súa obra de restauración e presuras  ante esa ausencia de organización ou atención relixiosa (ou escasa, pois nesas datas dependía de Santa María de Castelo).

        Así, a fundación da Igrexa parece ser obra persoal súa:

        “...in valle villa vocitata campos sun ecclesie sancti iulani ibidem fundata ab integrum suis terminis et omne familie sue que in circuitu eius sunt habitantes...”

        (“No val a vila chamada Campo coa igrexa de San Xian, alí mesma fundada na súa integridade, co seu territorio e familias que habitan dentro dos seus límites!).

        Eso que a Jaime Delgado lle chama especial énfase ou certa recreación literaria suporía exteriorizar un gozo pola creación de algo novo e persoal (“ab integro fundata” (fundada, -por min- na súa totalidade).

        En todo caso é certo que no ano 786 xa existía a igrexa, que volve a aparecer noutro documento, a doazón de Alfonso III do ano 897:

“...Ecclesiam S. Iuliani de Campo cum toda adiacente villa, cun adjunctionibus multis el familiis”

        (“...a igrexa de S. Xián do Campo con toda a vila que está ó arredor, con moitas engadidas –lugares engadidos- e (as súas) familias...”).

 

        A IGREXA E O SEU ENTORNO.

        O primeiro párroco que se coñece desta igrexa –o que nos da fe da súa existencia- é Martinus Petri. Así aparece no CODIOS, documento 625 no ano 1249:

“...Martinus Petri prelatus ecclesie sancti Iuliani de Campo”

        Tamén no primeiro dos testamentos que fixo Arias Pérez de Taboada, no ano 1252 (núm. 683), que o recordar as súas posesións, cita:

“...unum casale in sancto Iuliano de Campo”

        Nesas datas a Igrexa era, toda, románica. Pero unhas reformas no século XIX –e outras máis recentes-, certamente drásticas, deixaron como selo do románico soamente a fachada, parte dos muros da nave e o testeiro do ábside.

        Ós dous lados da nave construíron dúas capelas comunicadas coa propia nave con dous grandes arcos graníticos de medio punto.

        Ó orixinario ábside rectangular déuselle maior anchura e altura (as primitivas da nave consérvanse) e crearon un novo e amplo arco triunfal e unha sancristía arrimada ó muro sur do prebisterio.  E dicir,  do primeiro ábside soo queda a meirande parte do muro testeiro.

        Os seus elementos mais singulares son a porta da fachada e a ventá absidal.

         A porta coróase con dobre arquivolta de medio punto, perfilada por outro arco cortado en bisel, decorado en axadrezado xa bastante desgastado.

        As dúas arquivoltas están compostas de dobre moldura de baquetón, alternándose con escocias tanto no trasdós como no intradós. I estas adórnanse con boliñas.

        Os arcos descansan sobre unha imposta corrida por cada lado, con diversos motivos en canto a decoración.

        Na da esquerda vense sobre o capitel interior uns dentes de serra en dous ordes, e, no resto dela, unhas espirais que arrincan dun tallo ondulante. Levan, tamén, unha bola en cada esquina.

        A do outro lado adórnase con un axadrezado. Sosteñen as arquivoltas  dúas columnas  a cada lado. Os fustes érguense sobre bases clásicas con garras sobre o plinto.

        Tres dos capiteis (os dous da esquerda e o interior dereito)  están decorados por follas con bolas. O interior esquerdo con bolas de dous ordes de follas. Os outros dous soo a leva nas follas inferiores. Pero no dereito, entre as follas, asoma una cabeza humana, mais ben bruta.

        O capitel exterior dereito é historiado. Ten un cuadrúpede, tamén bruto, pouco acadado, que apresa coa boca a cabeza dunha ave a que tamén agarra por unha pata con unha das súas de adiante.

        O tímpano é semicircular e ten esculpida unha moi típica cruz (catro semicírculos que xuntan  os seus extremos dous a dous e superpóñense sobre un círculo).

        O tímpano está sostido por unhas xambas rematadas en mochetas: a da esquerda decórase con un animal sentado, como en cuclillas e a dereita co torso dun toro.

        O xambaxe que acodilla  as columnas remata as arestas facéndoas baquetadas.

        Posiblemente a espadana conserve gran parte dos antigos elementos e a mesma traza. Ten un único corpo de dobre oco en arco de medio punto, coróase con frontón triangular e no seu centro  ábrese un oco circular con derrame exterior.

        A ventá do ábside é saetera, está enmarcada por dúas columnas sobre as que se apoia unha arquivolta de medio punto. Ésta está composta dunha moldura baqueteada seguida dunha escocia con bolas esculpidas no seu interior.

        Exteriormente ten outra moldura axadrezada que, abaixo, prolóngase un pouco por cada lado en ángulo recto.

        As dúas columnas presentan as típicas características do románico. Os fustes, lisos e monolíticos, álzanse sobre bases áticas que forman un corpo cos plintos, que son cúbicos. Os capiteis, case xemelgos, están decorados con follas, lisas e anchas. Os cimacios carecen de decoración.

        Sobre o arco da saetera represéntanse catro arquiños cegos mediante un refundido interior.

        Da fábrica primitiva da igrexa consérvanse a primeira e a última parte dos muros da nave. O tejaroz dos catro elementos do muro apóiase sobre canecillos sen decoración e teñen forma de quilla. Na primeira parte conservada de ámbolos dous muros están as ventás saeteras con derrame interior.

        Na parte próxima ó arco triunfal do muro sur da nave, descubriuse non hai moito tempo unha pintura, bastante deteriorada, da figura de San Blas que, coa man na gorxa,  está recordando que nela exerce o seu específico valemento: é unha crenza transmitida pola devoción popular.

        Presenta un rostro sereno e fotoxénico e a verticalidade da vestimenta parecen transportarnos o ideal e, a par, natural beleza do gótico, aínda que esa ampulosidade e redondeo dos pliegues da casulla gótica  rezouma xa certo inicial barroquismo.

        Podía datarse entre os séculos XVI-XVII.

        A carón da igrexa atópase o cruceiro con unha base de catro bloques escalonados sobre os que se alza un fuste de sección poligonal. O capitel está pouco definido e sirve de asento a cruz de pedra que ten por unha cara a Cristo Crucificado e na outra a Virxe Dolorosa. A Virxe ten entre os brazos o corpo do Divino Fillo intentando representar así unha Piedade.  A figura do Cristo morto entre os brazos da Nai é certamente infantil. Tal é así que o seu tamaño non chega ao dun neno. Carece de data e posiblemente sexa do século XX.

        Débese contemplar, nese mesmo entorno, as dúas figuras de pedra que coroan un hórreo que se ergue no muro pegado ó adral que si ben recentes, tamén do século XX, son expresivas da labor dos canteiros desta terra: representan a un cazador coa súa escopeta na man (unha delas) apuntando a unha ave (a que está ó outro lado).

        A carón da Igrexa apareceron non hai moitos anos catro sepulturas antropoides, mesmo na marxe do camiño que rodea o adral-cemiterio.

        Escavadas en pedra branda, co motivo do ensanche do camiño limpáronas, tapáronas de terra e grava, e quedaron debaixo do asfalto que hoxe ten a pista.

        As catro están en liña nun espacio de uns nove metros e a cinco metros do adral-cemiterio. Esa postura lonxitudinal é sensiblemente paralela a nave norte da igrexa. Parecen aparellados, sobre todo os dous primeiros. Distes dous, o segundo, mira un pouco cara o norte como si quixera recostarse sobre os pes do primeiro, igual ca un neno os pes do pai. Ese, o segundo, é o menor dos catro, a súa cabeza inclínase algo cara o primeiro, que aparece como o máis harmónico e rico en detalles.

        Como era costume, a súa cabeza está ó Oeste e, tanto por mera observación como por as medidas vese claramente que cada sepultura foi feita para unha persoa concreta.

        Teñen oco adaptado o  descanso da cabeza, formas folgadas para o descanso dos ombreiros e o corpo, e mais estreitas para as pernas.

        Parece que estaban cheos de terra si ben con cor –cando menos en dous- como de haberse revolto con materia podre i entre os escombros atopáronse algúns restos de cerámica. Estaban tapados por pedras e lousas sen detalle apreciable.

        A súa data orixinaria apunta a fundación da Igrexa, é dicir, da etapa de Odoario, acaso séculos VIII ou IX. ¿Os señores da vila de Campo?

        Non é descartable que esta vila, co señorío das familias do entorno, tivo que ser a que mais tarde converteuse en torre (casa un tanto fortificada) e defensora das familias que estaban baixo o seu señorío. No campo aínda se conserva unha casa chamada “Da Torre” que na actualidade aínda que moi modificada, amosa con claridade a planta cadrada das vellas torres.

 

        OUTRAS COUSAS DA PARROQUIA.    

A romanización de San Xian está certificada ademais polos lugares de Buín e Moure Grande e Moure Pequeno.

        O termo Buín, segundo Nicandro Ares Vázquez parece derivado do antropónimo latino “Boninus”, como si fose primitivamente unha (vila) Bonini:  (Vila –casa- de Bonino).

        Conserva un pazo (A Casa Grande de Buín) posiblemente do século XVI ou principios do XVII. Mantén os principais elementos estructurais de excelente sillería granítica. Ten patio interior con corredores cubertos e un moi interesante, e seguro, arquivo de libros e memoriais, algún do século XVII. Está todo el feito de granito.

        Destaca a fachada do Oeste, ten un forte murallón con dúas portas grandes en arco de medio punto. Dende o patio presenta dúas escaleiras de pedra para acceder a cada ala.

        A que aparenta ser a principal ou orixinaria (posiblemente a outra é recente, con motivo de dividirse a propiedade) leva unha baquetilla na arisca e outra perfílaa. Encima están os dous escudos da Casa: un coas armas dos Ulloa, Taboada, Fernández e a M coroada dos Montenegro. O outro as dos Gaitanes e Ayalas. A carón deles hai outros dous nos que, ademais dos antes citados emblemas, están tamén os dos Prado, Rivadeneira e Somoza. 

        Polo leste ten, tamén, unha nobre fachada de dobre planta con diferentes tipos de ventás e unha porta que comunica coas dependencias, hortas e xardíns.

        Mantén a primitiva cociña con unha cheminea de campá certamente grandiosa. Enriba do tellado parece un turrión.

        Ten unha capela de planta rectangular do século XVIII con retablo barroco da mesma época. A capela está dedicada a San Mauro.

        De Moure escribe N. Ares que supoñen o xenitivo latino Mauri do antropónimo Maurus, polo que debe suporse a existencia dunha vila (romana) de Mauro.

        E o mesmo debeu suceder con Brandián, que, segundo o citado autor, ven do nome persoal de Brandila, -anis: Vila (ou casa) de Brandila.

      

      

Bibliografía:

        Enciclopedia Galega, de Silverio Cañada; Galicia, Historia e Imagen, de Ramón Blanco Areán; Vázquez Saco, en Papeleta 69; Nicanor Rielo Carballo en IALU, T. II; Yzquierdo Perrín-ARLU; Nicandro Ares Vázquez en LVCENSIA núm. 8; e, como non, sempre, JAIME DELGADO GOMEZ.

 

Antonio Vázquez Portomeñe