.............Un xurado composto por Antonio Rodríguez Colmenero, Carlos Baliñas, Xaime Delgado e Xosé Luís Vázquez Somoza, concedeu o “Premio Ferreira de Pallares”, na súa segunda edición, a Xoán Manuel Sobrado Vázquez. Licenciado en Humanidades e experto en historia, Xoán Manuel presentou un traballo sobre a Vía Romana que unía Lucus Augusti e o campamento Aquis Querquennis, cinguíndose, logo, ás actuais provincias de Lugo e Ourense. Certamente longo e complexo foi o proceso de romanización que coexistiu primeiro e asimilou despois á cultura castrexa anterior, e que nos levaría a adoptar a lingua, o dereito, a arquitectura e a inxeñería…, romanas. A Gallaecia pasou a formar parte do imperio romano en 19 A.C., integrada de principio na provincia Lusitana e máis tarde na Tarraconense, cunha nova administración, en principio militar, despois política, basada nos conventos xurídicos, cun protagonismo esencial das tres capitais, Astorga, Braga e Lugo. As obras públicas tiñan un carácter utilitario e práctico, non se sabe de grandes monumentos lúdicos, funerarios ou honoríficos; se os houbo, non chegaron a nós. Os romanos melloraron a agricultura, estabilizándoa e diversificándoa, así como a extracción mineira (Courel, A Fonsagrada, Montefurado…) Nese contexto insírese a achega de Xoán Manuel Sobrado, pois Roma prestou moito interese ás rutas de comunicación, atendendo á súa estratexia de interrelación e de explotación económica. As vías XVIII, XIX E XX, que comunicaban Astorga con Braga a través de Galicia, compretábanse cunha boa rede secundaria, clara en certos tramos, máis disfusa ou perdida, noutros. Xoán Manuel Sobrado atendeu tamén a outros factores, como a cartografía, a microtoponimia, os restos arquelóxicos…, para rematar con éxito o seu traballo. Parabéns ao investigador taboadense.